O CIS Madeira desenvolve accións de carácter divulgativo, relativas ao uso da madeira como material de construción. En relación con esta liña de actividade, desde a Axencia Galega da Industria Forestal, en colaboración co Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, foi posta en marcha unha nova plataforma web que pretende dar resposta á demanda de información existente nesta materia.
Este portal web persegue facilitar o acceso a información técnica, creando un espazo compartido entre prescritores, tecnólogos, instaladores e fabricantes.
A plataforma posúe diversas seccións, entre as que destaca o apartado de consultas, que pretende dar resposta ás dúbidas e consultas que poidan ter as arquitectas e os arquitectos en canto ao uso da madeira en construción.
No apartado de recursos, pódese atopar información como publicacións e informes. Así mesmo, na sección de axenda inclúe a oferta formativa especializada dirixida a prescritores, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural - PEMADE (dependente da Universidade de Santiago de Compostela), do Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e da Xunta de Galicia. Por último, no apartado de proxectos ofrécese información técnica sobre construcións xa realizadas, onde a madeira xogou un papel significativo, incluíndo unha explicación técnica sobre as solucións en madeira executadas, así como un dossier técnico-fotográfico. A todos estes contidos irase sumando información sobre os diferentes produtos e solucións en madeira con uso na construción, que os diferentes fabricantes de Galicia poden poñer á disposición dos promotores, públicos e privados.