Segundo sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o Goberno galego reforzou o centro este ano incorporando un novo médico con praza fixa, un dietista-nutricionista e un equipo de soporte de atención a domicilio
Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, remarcou que, nesta obra, destaca o uso da madeira, froito dun acordo entre as Consellerías do Medio Rural e de Sanidade para a mellora do benestar e a diminución da pegada de carbono
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o do Medio Rural, José González, visitaron hoxe, na compaña do alcalde do Concello do Porriño, Alejandro Lorenzo, as obras de ampliación do centro de saúde do Porriño. O titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou, neste acto, o avance das obras, que no caso da zona de ampliación, a porcentaxe de obra executada xa se achega ao 30%. Unha vez que se remate esa ampliación, -dixo Comesaña-, “pasaremos a unha segunda fase, que será a reforma do existente”.
O contrato adxudicouse en xaneiro do pasado ano por un importe superior aos 4,3 millóns e, “un ano despois, o avance xa é notable”, -subliñou o responsable do Sergas-.
Comesaña destacou na súa intervención, na que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria, Javier Puente, así como o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, que este proxecto incide, cunha superficie de ampliación de máis de 1.100 metros cadrados, “na reorganización dos usos e da súa distribución entre o edificio existente e o novo”. A ampliación, -proseguiu o conselleiro de Sanidade-, “dará lugar a un novo volume de tres andares que acollerá o punto de atención continuada, ademais da nova área de fisioterapia, e gran parte dos servizos internos do conxunto”.
Segundo detallou Comesaña, a obra leva ao centro a experimentar un incremento, na área de adultos, de dúas consultas de medicina xeral, unha de enfermería, unha de matrona, unha polivalente, e unha sala de técnicas. Na área pediátrica, o incremento é dunha consulta de pediatría, unha de enfermería especialista e doutra polivalente. Polo que atinxe á zona de PAC, o incremento é dunha consulta de observación, dúas de medicina e unha de enfermería.
En total o centro contaría cos seguintes espazos asistenciais: 8 consultas de Medicina de Familia, 6 de Enfermería, 1 polivalente, 1 sala de toma de mostras, 1 sala de técnicas, 1 de Farmacia, área de Fisioterapia, área de Odontoloxía, área de Pediatría (3 consultas de Pediatría e 2 de Enfermería pediátrica), 1 consulta de matrona, sala de educación sanitaria, despacho traballador social, despacho de coordinación, sala de estar de persoal, sala de xuntas, 1 despacho en admisión.
E na área do PAC, 2 Salas de Reanimación/Observación, 3 consultas médicas e 2 consultas de Enfermería, 6 dormitorios, sala de persoal aseos e vestiarios.
O conselleiro de Sanidade tamén destacou que a Xunta reforzou este centro de saúde este ano incorporando un novo médico con praza fixa, un dietista-nutricionista e un equipo de soporte de atención a domicilio, que realiza o seu labor na contorna do centro.
No apartado de equipamento, o Goberno galego dotou a este centro, no ano 2020, de dous desfibriladores, dous espirómetros, dous hólters de presión arterial e un retinógrafo.
Tamén destacou Comesaña que o equipo do centro de saúde do Porriño aprobou xa o seu primeiro plan local de saúde, o que permitirá mellorar a asistencia, e sinalou que o seu persoal administrativo resolve, no mesmo día, o 99% das chamadas, devolvendo as non atendidas en primeira instancia nun tempo medio de 38 minutos. No tocante á demora, o conselleiro dixo que “o 75% dos médicos do centro teñen cita dispoñible en menos de catro días”.
Para concluír a súa intervención, o responsable do Sergas incidiu en que, neste ano, a Xunta, no que respecta á atención primaria, ten o maior importe da historia no capítulo de persoal, con 576 millóns, e que, nos últimos 13 anos, o Executivo galego investiu máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias do primeiro nivel asistencial.
Uso da madeira Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou que, neste centro de saúde, “vaise incorporar a madeira -e máis concretamente o piñeiro galego- como elemento estrutural na súa fachada”. O piñeiro galego tamén se utilizará en revestimentos interiores e no acondicionamento acústico do edificio. Ademais, a madeira e os seus derivados tamén estarán presentes nalgúns dos paramentos, pavimentos, mobiliario fixo e carpintaría exterior.
Esta iniciativa, -dixo o conselleiro do Medio Rural-, “forma parte dun acordo ao que chegamos as consellerías do Medio Rural e de Sanidade para fomentar o emprego da madeira galega nestas instalacións”. Neste sentido, cómpre destacar a reforma do PAC da Laracha (xa en uso) ou as futuras actuacións nos novos centros de saúde de Moaña, Antas de Ulla e Abegondo.
Trátase de crear contornas que favorezan a sensación de benestar nestes centros, así como de impulsar a utilización de materias de orixe biolóxica e reciclables nas obras públicas, para diminuír a pegada de carbono. “O que queremos é incentivar o deseño de produtos derivados do sector forestal, na procura de solucións estruturais verdes que contribúan ao coidado do medio ambiente”.
“Esta iniciativa no ámbito sanitario forma parte das nosas políticas de fomento da madeira na construción, a través de axudas -como as convocadas o ano pasado, por importe de 2,6 millóns de euros”, -concluíu José González-.